Memoria de Oia pretende ser un instrumento para recoller e difundir a microhistoria e a cultura popular desta parroquia, a vez que defender e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. Unha fiestra aberta a participación daqueles que teñan algo que contar e compartir, microrelatos, documentos, contos, fotografías ou historias anónimas que quedaron arrombadas nos faiados ou na memoria dos nosos avós.

luns, 26 de xullo de 2021

A Fogaza dos Liñares, unha ancestral carreira e danza desaparecida no século XVIII.

 

No século que a ilustración francesa iniciou a longa senda de modernidade que cambiaría o mundo occidental  a freguesía de San Miguel de Oia formaba parte do Val do Fragoso, entidade territorial de carácter señorial anterior a existencia dos concellos, creados polo estado liberal do XIX. Era unha comunidade agrícola, revolucionada naquel tempo pola chegada do millo, que en poucas décadas  cubriu os campos de cultivo co seu intenso verdor, obrigando a crear extensos sistemas de regadío para aproveitar as pequenas pero regulares correntes de  auga repartidas por toda a parroquia. A abundancia deste cereal xenerou a necesidade de dispor de  muiños con maior capacidade de moenda que os tradicionais de man, iniciándose a construción dun importante numero deles ao longo do  rego de Gontade,  dando lugar a un conxunto hidráulico con gran relevancia na vida cotián dos veciños durante os séculos posteriores. Xunto o cultivo do millo tiñan importancia  o trigo, o millo miudo e o centeo, con eles, o liño, herbácea  que daba nome a patroa da parroquia, a Virxe dos Liñares.

A sociedade daquel tempo respondía as características do Antigo Réxime na Galiza rural. Na cúspide, o clero parroquial e a fidalguía rendataria das casas das Grades, Agrón e a Cerca, con estirpes familiares como os Blanco de Losada, Baños ou Troncoso. Por debaixo, unha exigua  clase media máis ou menos acomodada formada por  escribáns, cregos, cirurxiáns-sangradores, antigos soldados beneficiarios de rendas  e uns poucos agricultores podentes con carro, muiño e gando propio. Na parte baixa da pírámide social situábase a grande maioría da veciñanza, labradores  miserables con poucas terras,  que  criaban  gando de outros, xornaleiros en ocupacións diversas  e os pobres de misericordia.

Romaría. Debuxo. Almanaque de Ferrol. 1910.


        Dende alomenos o século XII os veciños de San Miguel de Oia  veneraban a Virxe do Libramento, tamén chamada Nosa Señora dos Liñares, que naquel tempo festexaban o  oito de setembro. O día de  festa o torreiro ateigábase de xente dende primeiras horas da maña, romeiros que viñan de lonxe, despois de horas percorrendo camiños e carreiros; unicamente os máis podentes faciano en cabalo, os das poboacións da beiraría utilizaban  embarcacións mariñeiras a vela e remos. Repartíanse polos arredores do torreiro onde realizaban o xantar e participaban dos distintos momentos da festa, dende as tiradas de fogos que levantaban espectación, a misa,  a procesión,  e despois desta, a “carreira e o baile da fogaza”, acontecemento lúdico deportivo agardado durante todo o ano.

Arredor do torreiro repartíanse postos de    rosquillas chegadas de Rivadavia e melindres de Allariz, viño do Riveiro e do Condado,  xunto a  exóticos  melóns e sandías traídos da meseta polos amos dos camiños, os  arrieiros da Graña e Terra de Montes. Produtos ofrecidos  con potente  voz polos vendedores,  sumando sonoridade  a  algarabía xerada  polas gaitas e  tambores, que enchían de melodías a romaría.  Non podían faltar  para eses días os paxuriños da sorte e outras pequenas atraccións traídas por titiriteiros e acrobatas errantes, con eles o domador de  monos e cobras exóticas  que  despertaban enorme admiración  e temor entre os romeiros. Situado  nun recuncho do torreiro, onde o barullo era menor, exercía de cronista o cego, acompañado da  súa vella zanfona, cantaba os truculentos episodios e crimes ocorridos na bisbarra,  asistido por  un farrapento lázaro que mostraba as  ilustracións dos arrepiantes sucesos.

Cego. Debuxo.  1830. Biblioteca Nacional.

Polos camiños e carreiros  que accedían o torreiro repartíanse esmoleiros de todo tipo,  mancos, coxos, cegos, xorobados, incluso antigos leprosos. Escuálidos, sucios e fanados, exercían o oficio de conmover a caridade cristia  da xente que acudía a romaría. Toda esta paisaxe de mendicantes un tanto miserable   contrastaba coa  fermosura natural  do entorno da capela dos Liñares coa beiramar de Oia, a illa de Toralla,  a rompente sempre espumosa da Marosa, a boca da ría e a lagoa das Poulas, rodeada do intenso verdor de amieiros e salgueiros.

Segundo se recolle  en distintos documentos relativos á herdade denominada “cocho de Liñares”, sementeira de medio ferrado de trigo, situada a carón do torreiro,  cada ano chegado o día da festa este predio debía pagar unha renda a  capela consistente nunha fogaza de pan. Colocábase no altar, ó lado da imaxe da virxe, a quen estaba dedicada,   para despois   correla e bailala entre os veciños e romeiros,  rematando coa puxa  a beneficio da santa.


…y  además dello en dicho día se hace traer al atrio de dicha  hermita una hogaza de trigo cozido para  que la luchen o bailen por qualesquiera personas que allí vinieren de romería...

A tradición  de  “correr e bailar a fogaza” na festa dos Liñares, tal  e como se recolle nun documento custodiado no Arquivo  Diocesano de Tui,  mantívose ata 1793 cando o entonces abade de Oia, Alejo Rodríguez,   descontento co pouco edificante que resultaba  a tradición e a escasa contribución pecuniaria que supuña  para as arcas da capela, iniciou un conxunto de reclamacións coas que,  ademáis da bola de pan  pedía  un ferrado de trigo.  Argumentaba  que: 

 

la hogaza suele traer malas consecuencias y por consiguiente ninguna utilidad ni conveniencia a la capilla y a sus vecinos…

 Tras meses de litixio cos arrendadores  do cocho de Liñares, o tribunal eclesiástico ditaminou o pagamento dunha pensión de oito reais, desaparecendo a obriga de entregar a fogaza e, supoñemos,  perdéndose a  celebración desta tradición.

Polo tanto, ata alomenos 1793, cada  8 de setembro, despois da misa maior, celebrábase no torreiro dos Liñares  a ancestral competición  coñecida como a   “carreira da fogaza” que se completaba con un  baile  onde os participantes tamén disputaban  unha bola de pan de trigo de  grandes dimensións.

Esta singular  combinación atlético-folclórica  celebrábase tamén noutras romarías  do bispado de Tui,  como  Parada do Miñor,  Santo Tome de Freixeiro, San Sebastián do Porriño ou San Roque do Couto,  onde acostumaba a formar parte  das celebracións do segundo día da festa.

Nos Liñares, porén,  celebrábase o día grande,  o remate da procesión, coincidindo co momento de maior concorrencia de romeiros.   Os mordomos despexaban un corredor de cento cincuenta pasos  de largo a carón da capela, onde se  realizaba a carreira. Os rapaces e mozos situábanse nas  ramas dos carballos que rodeaban a ermida,  o resto dos romeiros arrexuntábanse para ver de preto e animar os corredores. O ansiado espectáculo iniciábase  cando o mordomo saía  da capela, mostrando, mans en alto, a  enorme bola de pan amasada con fariña de trigo, ovos e azucre, adornada con figuras de releve e decorada con azafrán; detrás, un gaiteiro acompañábao  ao son  dunha ribeirana. Realizaba dous ou tres paseos entre a multitude expectante.  O mesmo mordomo, solemnemente e  a viva voz,  informaba  os romeiros do inicio da carreira, e  de que aquela fogaza de trigo sería o premio para o vencedor. 

Os dous concursantes  situábanse  no lugar de saída, descalzos, en calzóns e camisola, a espera  da sinal de saída; executada por  un   mordomo axudado dunha vara  sostida en posición horizontal. Consistía  en dúas voces preventivas e a de saída, tocando coa vara nas costas   dos concursantes que, saían correndo como unha exhalación  entre os gritos, berros e silbidos dos romeiros, durante os breves instantes que duraba a carreira. No extremo oposto do torreiro situábase a meta,  que podía ser un pau  cravado no chan con un trapo colgado, ou un mordomo con unha vara collida coas dúas mans en posición horizontal. O corredor que primeiro tocara  a vara era o gañador.  Tres eran inicialmente as carreiras, tendo  que gañar dúas para proclamarse vencedor. Acostumaba a ocorrer que  un terceiro participante desafiaba  o gañador,  tendo este a obriga de competir co novo rival. Rematadas as  carreiras, o mordomo entregaba a enorme bola de pan ó vencedor e este,  mostraba o público ao longo do torreiro a vez que recibía os parabéns pola  vitoria. Acompañabao un gaiteiro entre  os aplausos e vitores da multitude,  para rematar  co ofrecemento o mordomo  da piña ou coroa da fogaza.

Tanto as crónicas históricas e periodísticas que describen esta celebración, como o documento que acredita a realización desta tradición nos Liñares de Canido,  mencionan a practica de bailar a Fogaza, que complementaría o espectáculo da carreira. Consistía nunha muiñeira moi animada e bailada soamente por homes. Os competidores saían o centro dun circulo onde executaban  diferentes  puntos e saltos sumamente difíciles, nunha demostración de destreza e dominio da técnica deste baile, dando voltas tan rápidas que asombraban os asistentes. Entre o público situábanse os membros do xurado que escollían o vencedor da competición,  obsequiando coa fogaza similar a do vencedor da  carreira.

Danza tradicional onde se mostra unha fogaza, festa de San Roque, Vigo. 1879. La Ilustración Gallega y Asturiana. 

Finalizada a  carreira e o baile da fogaza, chegaba a hora do xantar, os de preto volvían as súas casas onde ese día degustaban  o mellor viandas gardadas no salgadouro, os de fora  facíano nos arredores do torreiro, protexidos pola sombra dos carballos e amieiros. Pola tarde  iniciábase a marcha dos que  viñeran de lonxe. Os que chegaran por mar baixaban a praia de Canido para izar as velas que os devolvería a cotidianidade.


        Cando a escuridade da noite cubría co seu manto o torreiro dos Liñares prendíanse  as antorchas, folións e fogueiras, repartidas polos arredores da capela.  Xa naquel tempo anunciábase a festa con foguetes, e pola noite uns poucos de lucería que xeraban o asombro dos romeiros e admiraban dende a distancia   daqueles que non puideran ou quixeran acudir. Tamén era común  soltar o aire  globos de papel. Coa caída do sol  moitos romeiros  abandonaban a festa percorrendo os mesmos carreiros e camiños de volta as súas casas. Entre cantos corais e conversas deixaban  atrás o son das gaitas que co avanzar no camiño apagabanse entre o silencio da noite. E así,  ano tras ano,  como viña ocorrendo dende séculos o fermoso torreiro situado sobre a praia de  Toralla e a lagoa das Poulas   vaciábase de xente.

Gaiteiro. Debuxo. Almanaque Gallego. 1910.


Historiadores  do século XIX atribuían unha orixe celta a esta competición, tanto no aspecto atlético como na utilización da bola de pan que vencellaban a “torta céltica”, outros, como Taboada Leal, asociábana coa  ximnástica grega. Algunha crónica das primeiras décadas do XX describen  a presenza dun gaiteiro dende días antes da carreira anunciando  o acontecemento polas  freguesías da contorna, acompañado dun mozo que exhibía a monumental fogaza de dez libras (arredor de 5 quilos). As mesmas fontes  mencionan distintos tipos de fogaza,  en forma de bola ou de rosca de pan doce feita con ovos, confeti e azucre, destacando a enorme bola polo seu cor vermello do azafran que a recubría. A descrición da carreira que cada ano se celebrada na finca da Pastora en Vigo, menciona a colocación da bandeira de meta cravada nun carballo en lugar da vara, igualmente menciona que en ocasións o vencedor ofrecía a fogaza o santo ou santa, ou xunto de mordomos, familiares e amigos merendabana  nun dos postos da romeria acompañada do valorado viño do Condado ou do Ribeiro. A fogaza ou bola de pan de trigo era tamén o premio para moitos xogos, concursos e celebracións,  caso de regeifas ou carreiras de sacos.

                                                          Bernardo Vázquez Acuña. Xullo 2021.

Fontes documentais :

Arquivo Diocesano de Tui. Fondos  parroquia San Miguel de Oia.

Descripción histórico topográfica de la ciudad de Vigo.  Taboada Leal. 1840.

Heraldo de Galicia(A Habana).20.09.1927.

Heraldo Gallego(semanario). 8.11.1876.

La temporada en Mondariz. 31.01.1909.

La Integridad. Diario católico. 10.09.1920.

Noticiero de Vigo. 6.09.1911.

El Pueblo Gallego. 28.07.1927- 15.08.1928.

Vida Gallega. Setembro. 1909.

 

sábado, 31 de marzo de 2018

Martín Echegaray Olañeta(1866-1931). O señor de Toralla.


A historia persoal deste fillo predilecto da cidade de Vigo debuxanos  un home do seu tempo, que lle tocou vivir o agromar e as primeiras décadas do século XX,  un período   histórico cargado de transformacións globais que afectaron  moi intensamente a cidade de Vigo e as parroquias da bisbarra como San Miguel de Oia. A industria da salgadura deu paso a conserva en lata hermética,  as traiñas transformaronse en motoras,  chegaron  para quedarse  a  electricidade, o teléfono e o automóvil,  mellorou o grao de alfabetización a vez  que xurdían numerosos xornais que os aldeanos lían de xeito colectivo na taberna ou na barbería,  nacendo  o fenómeno da  opinión pública. 


Martín Echegaray. Retrato. 1906.

Moitos labregos converteronse en obreiros asalariados nas fábricas de conserva  onde adquiriron conciencia de clase,  incorporaron  o    asociacionismo  como instrumento da sociedade civil para transformar a dura realidade daquel tempo, na bisbarra de Vigo parello o desenvolvemento sindical xurden as sociedades agrarias que levaron a modernidade as parroquias do rural como Coruxo e Oia.

Simultaneamente importantes sectores da clase media alta,  tradicionalmente elitista e impermeable  aos  problemas da maioría social,  foron deixando  o  liberalismo e o conservadorismo dominantes para acercarse  a formas máis avanzadas  de pensamento político como  o republicanismo e a esquerda emerxente,  que encarnaban os valores de modernidade e progreso. Dun xeito paulatino foi creándose un  novo grupo social con valores humanistas, aínda que heteroxéneo na súa composición, que  participaba na vida política e creaba opinión. Eran ilustrados que habitaban no mundo das ideas(científicos, médicos, xornalistas,  escritores, artistas, profesionais liberais, mestres, incluso empresarios),  opostos ao secular monopolio por parte dunha minoría  do mundo da cultura, do coñecemento e da ciencia, que consideraban a educación como un dereito universal  de todos os cidadáns que tivera como limite a capacidade de cada un. Aquela  escisión da elite tradicional daría ao país  unha xeración de destacados  científicos, artistas e creadores(Castelao, Picasso, Buñuel, Maside, Lorca…). Homes e mulleres academicamente moi ben formados, que viaxaron polo mundo  coñecendo outras culturas onde se empaparon de modernidade. Acabaron por implicarse no  mundo  da política  para  modernizar o país,  uns dende o ámbito empresarial, outros dende o artístico,  o educativo,  o científico.

A esa escisión da élite tradicional que quixo mudar un país culturalmente atrasado e socialmente inxusto pertenceu o empresario  Martín Echegaray,  “O Señor de Toralla”,   un vigués enriquecido na emigración americana, que ademáis de masón era seguidor dos librepensadores e republicano convencido. Echegaray nunca desempeñou ningún posto de responsabilidade política mentres durou a monarquía en coherencia co seu ideario republicano, chegou a ser proposto  para ocupar a  alcaldía de Vigo, o que foi obxecto do seu rexeitamento  para non ser nomeado polo rei.

A súa riqueza económica permitiulle adquirir a perla da xeografía da ría de Vigo, a Illa de Toralla, ubicada   na parroquia de San Miguel de Oia,  que se converteu nun lugar de visita de moi distintos persoeiros daquel tempo, onde iniciou o estudo e posta en valor  do valioso patrimonio arqueolóxico soterrado durante séculos  e que os propietarios   posteriores, autenticos excravos da codicia, ignoraron e arrasaron.


Vista aérea da illa de Toralla antes da barbarie. Data estimada 1965.

Cronobiografía

1866.- Martín Echegaray Olañeta nace en Santo Tomé de Freixeiro nunha familia de tradición republicana de orixe vasco, onde pasa a  infancia.

 1879.-  Con trece anos desembarca en Bos Aires a procura de fortuna,  traballa inicialmente como dependente de comercio convertendose  en poucos anos nun prospero comerciante representando produtos galegos como Augas de Mondariz e Cabreiroá.  Vai amasando unha gran fortuna  en negocios relacionados coa navegación e o comercio transoceánico. Casou  en segundas nupcias con Inocencia García Iglesias coa que tivo sete fillos.

1900.-  No tránsito do século XIX ó  XX xa é un membro destacado da colectividade galega de Bos Aires,  dos círculos republicanos e da masonería liberal na que militaban os máis destacados dirixentes da emigración galega por aqueles anos.
Estivo vinculado ás distintas iniciativas para crear unha entidade que aglutinara a emigración galega como o Centro Galego, a  Unión Galega que pasaría a denominarse Círculo Galego.
Formou parte de múltiples iniciativas filantrópicas financiadas mediante subscricións entre a comunidade galega e española para distintos proxectos, sobre todo escolas en distintos puntos de Galicia. Estreito colaborador da  Sociedade Hispanoamericana Val Miñor, que presidía Manuel Lemos.

1903.- Participa como membro fundador  e convertese nun dos principais dirixentes  da Liga Republicana Española formada por españois emigrados naquel pais e vogal   da xunta directiva do Partido Republicano na Arxentina.


Sinatura de Martín Echegaray.

1905.- Contando co apoio do goberno da República Arxentina pon en marcha o proxecto de navegación rápida de grandes transatlánticos entre Europa e o Río da Prata. Echegaray desenvolveu unha intensa actividade para que fora Vigo o porto base en Europa e non Lisboa, tal e como pretendía o goberno portugués que enviou un ministro a Bos Aires mentres o goberno español vivía na indiferenza. Conseguiu o  apoio dos gobernos de distintos países ademais do uruguaio e do arxentino que o nomeou “comisionado”  para que se desprazara á Europa e  negociara co goberno español. Echegaray pretendía obter o apoio do goberno de Madrid mediante a  concesión de facilidades administrativas, fiscais e servizos para o porto de Vigo,  ademáis do establecemento dunha liña de ferrocarril con vagóns dormitorio ata a fronteira francesa de Irún para os pasaxeiros de primeira e segunda clase. A favor de Vigo  estaban as condicións do seu porto natural, a menor distancia coa fronteira francesa que Lisboa e a cuestión do idioma, pensando que a liña estaba ideada para viaxeiros sudamericanos que visitaran Europa e tan so habería que atravesar unha fronteira, mentres dende Lisboa serían dúas.


Illa de Toralla , vista dende Canido-Oia. Data estimada 1930.

1906.- En  maio desembarca  en Vigo entre salvas de bombas,  música da banda municipal e un xentío que abarrotaba a estación marítima,  entre a súa equipaxe centos de  cartas de apoio ó proxecto remitidas polas elites periodísticas, económicas e culturais da Arxentina e as sinaturas de 55.000 galegos pedindolle ó goberno español que escoitara o  proxecto de establecer liñas rapidas entre America e Europa tendo como porto de referencia Vigo. Con anterioridade a súa chegada Echegaray  viña axitando a opinión pública a favor dos seus postulados.  A  cidade recibiuno con todo tipo de agasallos, sucedendose as  homenaxes das distintas institucións  e sociedades. 
Con todo, agás o entusiasmo dos vigueses e a potente subvención económica do goberno arxentino para financiar a liña,   Echegaray atopase coa   indiferenza do goberno español e co recelo da clase  política e económica  da veciña Coruña. que vían ameazado o seu  estatus de primeira cidade de Galicia.  
Viaxa a capital  acompañado do alcalde e unha comisión onde se entrevista co ministro de fomento Gasset e os directivos da Compañía de Ferrocariles do Norte. Daquela xuntanza saíu o compromiso de  establecer de forma provisional lanzadeiras de tren dotadas de vagóns de luxo entre Vigo, Irún e Barcelona.   Continuou viaxe  hacia a cidade condal,   Francia, Italia, Austria, Alemaña e Inglaterra para explicar o proxecto e  xestionar coas compañias navieras o establecemento doutros viaxes rápidos con  diferentes nacións europeas.
Chegado outubro de 1906,  cando o goberno arxentino tiña que resolver o concurso e   Lisboa contaba coas mellores condicións administrativas e económicas para sair elixida, a  campaña  de Echegaray conseguiu  o concurso  quedara deserto.
O proxecto despertou gran interés e axiña se foron incorporando outros complementarios, dende o establecemento de zonas neutrales(zona franca) para depositar mercaudurías ata   a construción de un “grandioso hotel”  que podería competir con calqueira do extranxeiro, levantado por un sindicato de capitalistas ingleses e españois e patrocinado pola naviera “Mala Real Inglesa”, as crónicas periodísticas da época garantizaban que os planos xa estaban terminados e que se levantaría próximo a estación de ferrocarril.

1907.-Martín Echegaray é nomeado fillo predilecto da cidade de Vigo.

1908.- Arranca  a campaña antiforal do Directorio de Teis, mobilización das sociedades agrarias que  prendeu como lume na sociedade rural galega farta desta formula de  tributación medieval. Martín Echegaray foi o embaixador dos agrarios ante a colonia de galegos da capital do plata, o 20 de marzo de 1908 o Centro Galego de Bos Aires  suma o seu apoio a campaña antiforal.

1910.- Martín Echegaray establecese  en Vigo despois dunha breve estancia en Xixón, merca a Illa de Toralla o industrial da salgadura e do escabeche Enrique Lameiro e construe unha  residencia de verán no lugar da  vella fábrica. Nos  anos sucesivos a Illa de Toralla aparece regularmente na prensa de todo pais por  converterse nun lugar de  visita e estancia de  persoeiros diversos da vida política e cultural.

1911.-  Durante o verán Echegaray inagura Villa Gioja, para o que  organiza distintas festas e convites. A primeira delas  tivo importantes repercusións para o desenvolvemento de Vigo, foi o venres 11 de agosto, contou con numerosos invitados entre os que estaban Manuel  Losada, tamén indiano  natural de Gondomar,  Eladio de Lema director do Faro de Vigo,  Prudencio Landín e Miguel Fernández de Lema, periodistas, o violinista  Manuel Quiroga, o industrial asentado en Canido Tomás Mirambell Maristany,  José Ramón Arbones Carballido fundador do Banco  de Vigo,  Francisco Arbones, enxeneiro, Ricardo Mella Cea  tamén enxeneiro e teórico anarquista, Concepto López Lorenzo,  Victorio Pig,  Jaime Solá fundador da revista  Vida Gallega,  Ricardo Echegaray  irmán do anfitrión, Inocencia García,  esposa e Segundo Echegaray,  fillo. Iniciouse a xornada con un xira marítima pola ría, o mediodía desembarcaron  na illa  onde realizaron o xantar.
Chegada a sobremesa e  como era costume nos xantares conmemorativos sucederonse os discursos  animados polos viños e  licores, Manuel Losada  puxo sobre a mesa a necesidade de  construir un tranvía na cidade de Vigo como os que funcionaban  en outras ciudades de Europa e América, compromentendose a  achegar 200.000 pesetas, seguiulle na demostración de xenerosidade Concepto López con outras 200.000 pesetas,   Victorio Pig con  50.000 pesetas,  Martin Echegaray con  25.000 pesetas, parece que rematados os postres entre os alí presentes habían comprometido a achegar cerca de un millón de pesetas para crear unha compañía que construiría  o tranvía eléctrico de Vigo.


Xantar inagural de Villa Gioja, Toralla, 11. agosto.1911.
Fundación non formal dos tranvías de Vigo.

Asistentes o xantar do 11 de agosto de 1911.
 No centro con chapeu e lentes Martín Echegaray.

Días despois, o domingo 27 de agosto Echegaray e familia obsequiaron a multiples amigos con unha festa consistente en baile, regatas, cucañas e  fogos de artificio marinos e terrestres, ademais dunha  iluminación da illa que chamaba a atención dende moi distintos lugares da ría.

1912.-  Tralo  proceso de captación de capitais constitúese  formalmente a Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo, da que Martín Echegaray  foi o primeiro presidente.

1913.- Cando se construía un muro a carón da praia descubrense na illa uns enterramentos que despertan o interés de Echegaray.  Ordea paralizar as obras e invita o crego e  arqueólogo de prestixio Eladio Gallego Arce quen  cataloga as tumbas como romanas.


Eladio Gallego Arce revisa as tumbas romanas. Toralla. 1913.


Áncora e tégula romanas achadas na recrópoli  de Toralla. 1913.

1914.-  O 9 de agosto empezan a rodar os primeiros tranvias pola cidade de Vigo.

1915.  Sae do Consello de Administración da Compañía de Tranvias  xunto o seu veciño e compañeiro de multiples proxectos Tomás Mirambell. Sucedeuno á fronte da compañía o teórico anarquista  e librepensador Ricardo Mella de quen foi valedor para ocupar o cargo e que resulta indicativo do talante democrático de Echegaray.

1915.- Durante o verán realizase a primeira excavación no castro da Illa de Toralla, descubriuse unha vivenda circular de seis metros de diametro interior con un añadido adicional de metro e medio onde apareceron restos de cinza. Atoparonse fragmentos de cerámica.


Cerámica castrexa. Illa de Toralla.

1922.- febreiro. Nas eleccións municipais sae elixido concelleiro na quenda de elección popular xunto a outro persoeiro vencellado a Canido, o arquitecto Manuel Gómez Román.

1922.- setembro.  O prestixioso arqueólogo austríaco Hugo Obermaier, catedrático de Prehistoria da Universidade Central de Madrid visita a illa de Toralla onde Echegaray lle mostrou os descubrimentos arqueolóxicos realizados.

1922.- decembro. 23. Chega a illa de Toralla o cuestionado xeneral e gobernador civil  de Barcelona  Severiano Martínez Anido para pasar  uns días de descanso. Un alto cargo amigo do xeneral escribiu a Tomás Mirambell a procura dun lugar que reunira boas condicions de seguridade para aloxar o  controvertido militar relevado uns meses antes pola desproporcionada violencia empregada na represión de folguistas e sindicatos. Martínez Anido convertírase no obxetivo  prioritario de grupos anarquistas o que obrigou ó militar  a ocultarse  por un tempo. 


Martín Echegaray. 1921.

1926.- Visita a illa de Toralla o xeneral Berenguer, despois de xantar na finca de Mirambell acompañado do gobernador provincial, o notario Velo de la Viña e Gregorio Espino entre outros, trasladados a illa foron recibidos  por Martín Echegaray. Poucos anos despois sería presidente do  ultimo goberno da monarquía  no pèríodo coñecido como “dictablanda” comprendido entre a caída de Primo de Rivera e a proclamación da II República.


Xogadores do Motherwell F.C. equipo da Premier League escocesa.
Recibidos por Echegaray en Toralla. 1927
.

1927.- Douscentos nenos das Escolas Val Miñor acompañados de profesores  e do fundador desta institución  Manuel Lemos da que é un destacado  patrocinador Martín Echegaray realizan unha excursión a Toralla, trasladaronse ata Canido en tranvia e ata a illa en embarcacións diversas, onde pasaron boa parte do día e foron invitados a comer polo anfitrión.


Chegada dos nenos de Escolas Pro-Val a Toralla. 1927.
Echegaray  rodeado de nenos das Escolas Pro-Val. 1927.

1928.- xullo. 16.  Martínez Anido  volve a illa de Toralla, na condición de Ministro de Gobernación da ditadura de Primo de Rivera,  corría o 16 de xullo, o mediodía xantou en Vilamar, propiedade de Tomas Mirambell, presidente do comité organizador do monumento a mariña universal  de Monteferro, pola tarde Martínez Anido percorreu a illa de Toralla para recordar a  estadía de anos atrás, despois desprazouse a Panxón  onde  inagurou o monumento de Monteferro.


Martínez Anido en Toralla. 16 de xullo de 1928.

1929.- Martín Echegaray e Tomas Mirambell adiantaron do seu peto  as  17.000 pesetas que lle correspondía achegar a Deputación Provincial para que non se demorara o inicio  das obras da  estrada de novo trazado entre Coruxo-Tarrio  e Canido, unha vella aspiracion da Sociedade de Agricultores de Coruxo  que definitivamente se facía realidade.

1930.-  Visitan a illa de Toralla invitados por Martín Echegaray   unha misión da Xunta Superior de Excavacións da que formaba parte o historiador e intelectual galeguista Xosé Filgueira Valverde.

1931.- xuño. O xornal El Heraldo de Madrid publica unha noticia na que se comenta a estancia entre finais de 1922 e principios de 1923 do xeneral Severiano Martínez Anido na Illa de Toralla no que se  lle reprochaba a Echegaray que tivera de invitado na súa illa a este discutido e sanguinario  personaxe. Martín Echegaray  responde ó Heraldo mediante a publicación dunha carta onde argumenta que a hospitalidade prestada foi  para  satisfacer a un amigo(Tomás Mirambell)  e que el non coñecía persoalmente a Martínez Anido nin compartía o seu xeito de pensar, pero que, unha vez dada a súa palabra, debía cumprila. Respecto dos que o acusan de republicano de última hora, Echegaray responde:

      ...Soy hijo y pariente por consangüinidad de hombres que figuraban inscritos como afiliados y aún como dirigentes de los comités que procedieron a la proclamación  en España de la primera República, no había de esperar yo a la proclamación de la segunda para significar mi sentir y mis aspiraciones en lo tocante al régimen de gobierno de mi patria...

1931. xullo. 18.  Morreu  de xeito repentino cando tomaba as augas en Baños de Molgas,  Ourense,  tan só uns meses despois da chegada  a súa soñada   República. O día seguinte o seu cadáver foi trasladado á Vila Inocenta, residencia familiar en Coia onde foi velado ata o enterro no cemiterio de Pereiró  acompañado dunha  multitudinaria manifestación de duelo. 
Foi presidente do Centro Republicano Vigués e membro da Loxa Masónica  Jovellanos de Xixón durante a súa estancia nesta cidade co nome simbólico de Vigo, e alcanzou o grao 33, o máis alto dentro da masonaría.  En Vigo formou parte da Loxa Vicus nº 8  no que ostentaba o cargo de membro honorario no momento da súa morte.


Martín Echegaray. Retrato. Data estimada 1931.

1932.- decembro. A Sociedadede Agricultores de Coruxo  acordou  en  Xunta Xeral  propoñer o Concello De Vigo para que  a estrada de Tarrio ó Vao pasara a denominarse “Avenida  de Martín Echegaray” polo  determinante apoio prestado a consecución  desta obra  considerada unha necesidade inaplazable para a parroquia.

1936.- abril.  Inagurouse unha placa que daba nome a unha praza da cidade de Vigo que levaba o nome de Martín Echegaray.

1936. agosto. 1.  E detido na illa de Toralla o dirixente socialista Apolinar Torres López  onde estaba agochado. Foi condeado a morte e fusilado o 27 de agosto.

1936. setembro. 15.  O primoxénito do señor de Toralla, Segundo Echegaray morre paseado a  mans dos falanxistas no cemiterio de Cabral. Meses despois a familia Echegaray sae do pais e exiliase na Arxentina. Anos mais tarde os restos mortais de Martín Echegaray  así  como os de seu fillo Segundo foron trasladados a Bos Aires por expreso desexo da familia onde descansan no panteón familiar.




Fontes documentais:

- El Eco de la Fusion, periódico republicano. Bos Aires. 18.06.1903.
- El Correo Gallego. Ferrol. 8.11.1906.- Noticiero de Soria. 11.07.1906. 3.11.1906.
- La Correspondencia de España. Madrid. 23.05.1906. 4.06.1906. 3.07.1906. 2.11.1908.
- La Correspondencia Gallega. Pontevedra. 2.07.1906.
- El Eco de Galicia. Bos Aires. 10.09.1905.
- El Noroeste. 1.06.1907.
- El Progreso. 16.01.1915.
- El Correo de Galicia. Bos Aires. 21.05.1922.
- El Pueblo Gallego. 17/06/1931. 3.12. 1932.
- El Debate. 16.01.1923.
- Almanaque Gallego. Bos Aires. 1927.
- Cando o xeneral Martínez Anido estivo agochado en Toralla. MemoriadeOiablospot.com.es.
- Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia-Vigo na década dos trinta. Bernardo Vázquez Acuña. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 1915.